O sábado, 12 de maio, asociados e asociadas de LugoPatrimonio desprazáronse a Temes para presentar o folleto “O complexo de Temes”, da autoría, en canto ao texto, do arqueólogo e profesor D. Xaime Delgado, que na propia igrexa e ante un público numeroso explicou a historia do monumento e guiou despois a visita para salientar as distintas pezas arqueolóxicas que enriquecen o conxunto. O grupo de música Stranniki, interpretou de seguido música galega, clásica e ucraniana, deixando ao público tan emocionado que lle dedicou unha sentida e longuísima ovación. O acto estivo presidido polo Delegado da Consellaría de Industria. Dirección Xeral de Turismo, D. Ramón Cortés Máñez, ao que a nosa Asociación agradeceu a colaboración prestada para a edición e espallamento do folleto polas oficinas de Turismo da Xunta de Galicia; e tamén polo alcalde de Carballedo, D. Xulio Yebra Pimentel. De volta para Lugo, os asociados e asociadas puideron visitar a sepultura antropoide do Sixto e o pazo de Perrelos.
Coa viaxe “Paseos pola Terra Cha” rematou o ciclo sobre “Arte e simboloxía na cultura popular galega”, que tivo como conferenciantes a X.M. Vázquez Varela, Orlando Viveiro Veiga e Hixinio Flores Rivas. O ciclo contou tamén coa exposición “Debuxos e gravados nas construcións populares”, da autoría de Hixinio Flores Rivas. Unha mostra gráfica das devanditas actividades está presente na sección “Caderno de viaxes” desta páxina web.
Tras descubrir que en moitas construcións populares se agachan manifestacións artísticas propias das sociedades agrícolas e gandeiras e, vendo que esta arte popular anónima está a piques de se perder para sempre, desde hai anos, parte do tempo libre dedícoo a fotografar eses testemuños que nos dan unha idea da intensa actividade cultural que se desenvolveu arredor dalgunhas construcións populares e da creatividade innata do ser humano.
Nesta exposición podémonos encontrar cunha grande variedade de tipoloxías de motivos entre os que destacan:
- Aqueles gravados que polo seu deseño se poden rastrexar ata o período Neolítico, Idade de Ferro ou de Bronce. Non obstante, a antigüidade dos mesmos en moi poucos casos pode superar os douscentos anos.
- Os motivos circulares (esvásticas, hexapétalas, etc) e as cruces en todas as súas variedades son motivos que se encontran moi a miúdo nas xambas e nas portas, motivado principalmente pola súa función protectora que se lles supoñía. Sen embargo, o gravado que máis se repite e co que nos podemos encontrar en calquera construción popular (casas, muíños, cabanas, sequeiros, alvarizas, etc.) é o do arado. A abundancia do arado, con todas as súas variedades, algún ata co seu correspondente xugo no extremo do temón, demostra a grande importancia que este aveño agrícola tivo na cultura popular.
- Outros motivos como poden ser os zoomorfos, antropomorfos, eróticos e eses que teñen unha difícil interpretación tamén aparecen distribuídos regularmente nos muíños e nas cabanas.
Nesta exposición están representados unha pequena mostra dos debuxos e gravados cos que nos podemos atopar, distribuídos por toda a xeografía galega. Con ela preténdese dar a coñecer unha arte popular pouco estudiada e descoñecida por moita xente coa finalidade de promover a súa catalogación e fomentar a súa conservación.
Luís Hixinio Flores.- Lugo, abril de 2007
Luís Hixinio Flores Rivas (Balmonte, Castro de Rei, Lugo, 1960), fotógrafo afeccionado que movido polas diversas manifestacións da cultura popular e por eses espazos humanizados, testemuños dun estilo de vida que desaparece, dedica parte do seu tempo libre a fotografalos.
Ten recibido diversos premios, entre eles o primeiro nos Certámenes de Fotografía sobre Cultura Popular nos anos 2004 e 2006. Tamén fixo exposicións individuais no Museo do Pobo Galego, Museo Provincial de Lugo, Verbum (Vigo) e na Casa de Galicia de Madrid.
Foto da conferencia de Adolfo de Abel
A trama urbana medieval da cidade de Lugo permaneceu sen grandes alteracións ata a segunda metade do século XIX. Hai un ensanche interior, dentro do recinto amurallado, que se inicia a partir da desamotización de 1835, coa exclaustración dos conventos.
O trazado urbano actual non ten nada que ver co romano, pero se ten a súa orixe no trazado medieval organizado en dous grandes núcleos: o Burgo Vello, arredor da igrexa de Santa María ou catedral, e o Burgo Novo, co Castelo, separados por un espazo agrícola de grandes dimensións coñecido como as Cortiñas de San Román, actual Praza Maior (Praza Real, de Isabel II, da Constitución, da República e de España), que foi o foro da cidade da época medieval e moderna, xa que nela celebrábase a feira e os mercados, administrábase xustiza e construíronse en 1571 as Casas de Consistorio.
É nestes dous núcleos onde se conservan algúns topónimos, aínda que a maioría perdéronse. Estes nomes indícannos a función que tiña cada rúa, cada espazo e cada barrio.
A partir do segundo terzo do século XIX, a desamortización e a chegada do ferrocarril, dá lugar á apertura de novas rúas, algunhas das cales cambiaron de nome en varias ocasións.
A derriba en 1841, sen autorización de Goberno, do das Agustinas Recoletas, vai permitir facer unha alameda e ensanchar as rúas polos lados Oeste e Sur.
Na cortiña chamada desde época medieval da Lagoa, do convento de Santa María A Nova, abrirase en 1836 a chamada calle Nueva, despois Joaquín Cayuela e máis tarde da Raíña (Isabel II), da Liberdade e de novo da Raíña. En 1872 decídese o ensanche do Carril das Campás, ao que se dá o nome de rúa do Progreso, con motivo da construción do ferrocarril e a inmediata chegada oficial de primeiro tren o 5 de outubro de 1875. Tamén se abre a rúa da Estación, coa súa porta na muralla, logo de Emilio Castelar, Generalísimo Franco e actualmente Teatro.
A da Raíña e a do Progreso, que tamén se chamou de Manuel Becerra e de José Antonio Primo de Rivera, uníronse con outra á que se lle deu o nome de Bilbao, conmemorando a entrada das tropas fieis a Isabel II na devandita cidade durante a primeira Guerra Carlista, actual Xoán Montes.
As cortiñas dos conventos de Santo Domingo e San Francisco van permitir utilizar o espazo entre os dous para construír a primeira praza de abastos en 1841 e abrir unha rúa que chamarán do Teatro, por ser alí onde se construíu. Foi en 1901 cando se fai o ensanche e a unión da Rúa do Sol (actual San Froilán) coa Praza de Santo Domingo, e a Rúa Nova con esta nova rúa e a Praza de Ferrol regularizando o carril da Ramella (actual Bolaño Rivadeneira) en 1904. Coa apertura en 1921 da porta do Bispo Odoario, posibilítase o enlace deste tramo a través da Rúa de Montevideo. A Praza de Santo Domingo tamén se regulariza coa derriba da capela do Rosario.
Máis de cen persoas asistiron o sábado día 10 de febreiro á visita da catedral de Lugo, que serviu como colofón ao Obradoiro “Coñecer o Románico”. Divididas en dous grupos, foron guiadas polos historiadores Xaime Delgado e Adofo de Abel, e polo arquitecto Alberte González. LugoPatrimonio agradece a colaboración de todas as persoas participantes.
Podedes ver as fotos da visita no caderno de viaxes.
Realizouse a viaxe a Portomarín, onde os viaxeiros visitaron a igrexa de San Nicolao e outros monumentos e paisaxes da vila co profesor Xaime Delgado e co arquitecto Alberte González. Despois do xantar sairon para ver o complexo de San Facundo co arquitecto Alberte González.
A xornada rematou co concerto do grupo de Cámara Moriatov na igrexa de san Nicolao.
Hai varias modalidades de socios de LugoPatrimonio.